Sunday 19 de May de 2024

Feijóo trasladará unha mensaxe de recoñecemento ao esforzo de todos os galegos, artífices do xiro da situación económica de Galicia


Fundado en feitos e realidades froito do esforzo, a constancia e a perseveranza dos galegos, expresará o convencemento de que ese xiro da economía se percibirá con maior intensidade no ano 2015 que está a piques de comezar

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladará desde o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), no Porriño, unha mensaxe de recoñecemento ao esforzo de todos os galegos, artífices do xiro da situación económica de Galicia; artífices dunha nova etapa.

Fundado en feitos e realidades froito do esforzo, a constancia e a perseveranza dos galegos, Feijóo subliñará na súa mensaxe de Fin de Ano o convencemento de que ese xiro da economía se percibirá con maior intensidade no ano 2015 que está a piques de comezar.

Galicia remata 2014 con 22.000 persoas menos en paro que o ano pasado; tendo menos débeda pública que a media de todas as comunidades; controlando as súas contas e cunha previsión de crecemento do 2% para 2015.

Se ben aínda permanecen as dificultades, o responsable do Goberno galego incidirá na necesidade de ser prudentes e rigorosos, valorando o moito xa acadado entre todos. Valoración e recoñecemento que tamén fan de Galicia desde fóra como proba o feito de que os estaleiros galegos empecen a ter contratos, que a automoción galega teña o maior contrato para os próximos dez anos ou que a Comunidade bata o récord de viaxeiros internacionais, coas mellores cifras de turismo, a excepción das do Xacobeo 2010. E as exportacións e a balanza comercial manteñen o nivel do ano 2013, ano no que se acadou un récord histórico.

A mensaxe de Fin de Ano, que será emitida pola Televisión de Galicia este mércores, ás 14,15 horas, terá lugar desde o Centro Tecnolóxico de Autonomoción de Galicia, unha referencia internacional en tecnoloxía e un lugar desde o que se recoñecerá o labor de todos os galegos e desa Galicia que non para de esforzarse, de emprender e de innovar.

A de mañá sumará a sexta mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. En 2013, o responsable do Executivo autonómico levou a súa mensaxe ao Centro de Transfusión de Galicia, nunha maneira de render homenaxe a todos os que, desde ese mesmo lugar, na noite do 24 de xullo demostraron que Galicia é un pobo solidario e unido.

En 2012, Feijóo lembrou desde a Casa Museo de Rosalía de Castro o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos e o medio século da instauración do Día das Letras Galegas. E, no 2011 trasladouse ao hemiciclo do Hórreo para destacar que é no Parlamento galego, que cumpría trinta anos de plena madurez, onde queda patente a nosa capacidade para facer grandes obras.

Feijóo escolleu como escenario da súa mensaxe de Fin de Ano 2010 a Cidade da Cultura, onde resaltou o éxito do que foi o mellor Xacobeo da historia de Galicia, unha mostra de que se poden obter bos resultados nos momentos máis difíciles. Un ano antes, en 2009, tiña lugar a súa primeira mensaxe de Fin de Ano no Pazo de Raxoi, onde moi preto de alí, na Catedral de Santiago, se abría a Porta Santa con motivo do Xacobeo 2010 e unha oportunidade única e histórica para mostrar ao mundo unha Galicia que traballa unida por superar as dificultades actuais e gañar o seu propio futuro.